Condicións xerais do servizo Paq Mochila

Ao contratar os servizos de paquetería da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A. S.M.E. (en diante, CORREOS) ti, en calidade de Remitente, acordas que os presentes Termos e Condicións aplicaranse dende o momento en que Correos acepte o Envío, agás pactos ou condicións específicas derivadas da singularidade do servizo contratado. CORREOS poderá realizar os servizos polos seus propios medios ou ben subcontratar parcialmente a prestación do servizo.

CORREOS reservase a facultade de modificar os presentes Termos e Condicións. A versión vixente destes termos será a publicada na páxina web do Camiño con Correos (www.elcaminoconcorreos.com/gl/). CORREOS comunicará ao cliente dita modificación.

Produto

Paq Mochila

A. Características: é un servizo mediante o cal CORREOS organiza o transporte de mochilas e maletas entre os aloxamentos do Camiño. Recólleos a primeira hora da mañá no aloxamento indicado e déixaos antes das 14:30 h no hostal, hotel ou albergue elixido na seguinte etapa. Desta forma o cliente pode realizar o seu Camiño de Santiago sen cargar coa súa equipaxe. Podes consultar máis información do produto en https://www.elcaminoconcorreos.com/gl/transporte-mochilas.

O vulto non poderá superar os 20 kg e o percorrido máximo dun traslado é de 60 km/día. As dimensións máximas do vulto son a suma do longo, alto e ancho non excederá de 210 cm., sen que a maior dimensión exceda de 120 cm.

B. Contratación: o cliente pode contratar o Paq Mochila de CORREOS de 3 formas: online, por correo electrónico ou por teléfono.

A contratación do Paq Mochila efectuarase online en www.elcaminoconcorreos.com/gl/ , por teléfono +34 683 44 00 22 ou por correo electrónico en paqmochila@correos.com como mínimo antes das 21:00 h do día anterior a realizar o servizo, indicando como mínimo o lugar de recollida e localidade onde entregar a súa equipaxe, o nome e un teléfono de contacto. O cliente deberá deixar a equipaxe preparada para recoller na recepción do aloxamento antes das 08:00 h do día da recollida.

O Cliente garante que o contido do envío é aceptable para o seu transporte por CORREOS, así como que o envío está correctamente identificado (coa etiqueta que se debe incluír na equipaxe ou mochila) e acondicionado, para que CORREOS poida efectuar un transporte seguro da mesma cun coidado razoable na súa manipulación, asumindo directamente as responsabilidades que puidesen derivarse do seu incumprimento. Así mesmo é responsable da correcta e exacta redacción, en canta documentación lle corresponda cumprimentar, dos datos referidos ao remitente, destinatario, servizos contratados, e características do envío.

A recollida efectuarase nos puntos de admisión indicados dos aloxamentos que seleccionase o cliente postos á súa disposición.

Non se aceptan obxectos atados ou colgados fóra da equipaxe. Todos os obxectos a transportar teñen que ir no interior da equipaxe perfectamente empaquetados. Non se acepta todo o que non teña un formato de equipaxe (mochila ou maleta).

Este servizo do Paq Mochila non dá dereito á reserva de praza nos aloxamentos aos que se envía.

Para contratar o Paq Mochila o cliente ten que ser persoa física maior de 18 anos, ou pode ser xurídica en caso dunha Axencia de Viaxes.

Se o cliente realiza algún tipo de cambio no seu itinerario que afecte ao lugar de destino da mochila, ten que avisar a Correos por teléfono ou correo electrónico indicando a modificación antes das 21:00 h do día anterior a realizar o servizo. A non información das modificacións (como o cambio de aloxamento, de recollida ou de entrega ou de data dos traslados) supón a perda do servizo que xa pagou, e perde a posibilidade de reclamar a devolución do importe pago por ese servizo.

Correos non se responsabiliza das perdas ou roubos en equipaxes unha vez se entreguen nos puntos indicados polo cliente.

C. Operativa do Servizo: O cliente Reserva o servizo por calquera das modalidades (online, por correo electrónico ou por teléfono), nese momento xérase un código de reserva que vai asociado ao servizo durante todo o percorrido. O cliente poderá consultar en www.elcaminoconcorreos.com/gl/ as datas de dispoñibilidade deste servizo.

Correos recolle e entrega a equipaxe nos establecementos elixidos polo cliente, agás rexeitamento por parte do establecemento. As equipaxes deben estar preparadas para recoller na recepción dos aloxamentos ás 08:00 h, e entregaranse en destino sempre antes das 14:30 h. Recóllense e entréganse sen a necesidade da presencia do cliente, e sen asinar ningún documento. En caso de rexeitamento a recoller e custodiar a equipaxe por parte do establecemento de destino, dende Correos poñerémonos en contacto co cliente para acordar con el onde se vai a realizar a entrega.

Cada equipaxe ten un Código de Reserva único que se coloca conxuntamente coa etiqueta do Paq Mochila de Correos o primeiro día de servizo.

D. Prezo e facturación: O prezo unitario do servizo estímase polo traslado dun único vulto que non supere os 20 kg e para transportes entre etapas iguais ou inferiores a 25 km. Se a etapa supera esta distancia, o prezo é proporcional ao número de etapas equivalentes a esta distancia (se o cliente quere realizar un percorrido diario de 50 km vánselle cobrar 2 etapas, e no caso de que contrate os 60 km cobraríaselle 3 etapas redondeando o prezo ao exceso). O percorrido máximo dun traslado é de 60 km/día.  

O prezo final do servizo contratado, que aparece nesta páxina web, inclúe calquera tipo de imposto indirecto que, no seu caso, poida ser de aplicación.

O pagamento se realiza por adiantado e pode ser por tarxeta bancaria ou PayPal se realiza a reserva online, e por transferencia ou efectivo se realiza a reserva por teléfono ou correo electrónico.

No momento da contratación e pagamento do servizo na modalidade online, Correos expide unha factura completa que será enviada ao cliente por correo electrónico, nas outras dúas modalidades de contratación (por teléfono e por correo electrónico), ao realizar a liquidación do pagamento, Correos expide por defecto unha factura simplificada. Se o cliente quere factura completa do servizo deberá solicitalo expresamente a través do teléfono +34 683 44 00 22 ou no correo electrónico paqmochila@correos.com.

A aceptación destas condicións xerais supón a autorización expresa a Correos para a expedición destas facturas en formato electrónico.

E. Prazo de entrega: Entregarase a equipaxe antes das 14:30 h do mesmo día da recollida no aloxamento de destino.

F. Reclamacións: Correos non aceptará responsabilidade algunha por obxectos ou equipaxes fráxiles, valiosos ou perecedoiros, nin obxectos gardados no seu interior en embalaxes non adecuadas.

  • No referente aos dereitos de reclamación e pagamento de indemnizacións que ten o cliente, será de aplicación a normativa establecida na Lei de Contrato de Transporte Terrestre de Mercadorías. O cliente, agás caso de forza maior, ten dereito a percibir unha indemnización máxima de Correos, en caso de perda ou deterioración roubo, destrución ou deterioración das equipaxes enviadas de acordo co artigo 57 da Lei 15/2009, do 11 de novembro, do Contrato de Transporte Terrestre de Mercadorías.
  • A reclamación farase seguindo o procedemento estipulado máis adiante.

Correos resérvase o dereito para recuperar a equipaxe para a súa inspección e valoración, polo que o cliente deberá ter á súa disposición a mercadoría danada ata a completa resolución da reclamación.

  • Danos provocados polo uso (rabuño, descosido…), no caso de producirse un dano ou estrago en calquera das partes saíntes debido ao uso da equipaxe, non ten dereito a indemnización.
  • En caso de atraso superior a 2 horas na entrega imputable a Correos, o cliente ten dereito a indemnización polo prexuízo sufrido, co límite do prezo do transporte.
  • Procedemento estipulado para as reclamacións: o cliente, para realizar unha reclamación por calquera dos motivos anteriores, debe:

 

  • Enviar un correo electrónico a paqmochila@correos.com ou chamada telefónica ao teléfono +34 683 44 00 22, informando e explicando o incidente nun prazo máximo de 24 h horas a partir do momento en que se produce o contratempo.
  • No caso de roubo ou extravío, no prazo máximo de 10 días naturais, dende a comunicación do incidente, debe achegar por correo electrónico, a denuncia presentada ante a autoridade competente, e factura de compra.
  • No caso de deterioración grave, no prazo máximo de 10 días naturais, dende a data de finalización da Reserva, debe enviar por correo electrónico; fotografías do estrago, factura de compra, Certificado de Irreparabilidade da equipaxe emitido por un profesional e estimación económica da perda polo estrago.

G. Cancelación do Servizo: En caso de Cancelación do servizo por parte do cliente, este deberá comunicalo por teléfono +34 683 44 00 22 ou por correo electrónico paqmochila@correos.com como moi tarde antes das 21:00 h do día anterior a realizar o servizo. A cancelación neste caso será gratuíta. Se a cancelación se solicita a posteriori do límite establecido aplicaráselle a penalización correspondente ata o máximo do total do importe da reserva que foi pagada na contratación do servizo.

H. Exoneración de responsabilidade: Correos non se fai responsable dos danos e menoscabos sufridos durante o transporte e ata a entrega por caso fortuíto, forza maior ou natureza e vicio propio das cousas. No suposto de que a mochila ou vulto conteña produtos perecedoiros, non se indemnizará pola perda ou deterioración dos mesmos se a entrega do envío se produce dentro do prazo garantido. Correos non indemnizará cantidade algunha cando o envío estea contemplado entre os excluídos para circular por Correos, entendidos como aqueles envíos cuxo contido poida ser considerado como prohibido, de conformidade coa normativa que resulta de aplicación ou cuxo transporte estea sometido a requisitos ou disposicións especiais. Tampouco o será por danos consecuenciais ou extraordinarios, nin por lucro cesante ou calquera outra perda indirecta que se derive do extravío, dano, atraso, entrega incorrecta ou non entrega da súa mochila/maleta.

Protección de datos

En cumprimento da normativa aplicable en protección de datos de carácter persoal, informámoslle que os datos de carácter persoal serán tratados pola Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A (en diante, “Correos”) con CIF A-83052407 e domicilio social en Vía Dublín núm. 7 (Campo de las Naciones) 28070 Madrid (España) de acordo co establecido na Política de Protección de datos.

Lei e xurisdicción

A lei aplicable será a española e a xurisdición a dos Xulgados e Tribunais da capital de provincia da localidade onde se admita a equipaxe.

Para calquera dúbida sobre o transporte da súa equipaxe solicite información en calquera oficina de Correos, a través do teléfono +34 683 44 00 22, a web www.elcaminoconcorreos.com/gl/ ou por correo electrónico en paqmochila@correos.com